Language

Que necesitas para emprender?

Necesitas unha idea e ganas de levala a cabo. Seguindo a metodoloxía INNOVATIA 8.3 podemos axudarche a converter a túa idea en empresa

3D SURGICAL TECHNOLOGIES S.L. e BOUNSEL S.L. gañan a II Edición do Concurso Innovatia 8.3

3D SURGICAL TECHNOLOGIES S.L. e BOUNSEL S.L. gañan a II Edición do Concurso Innovatia 8.3

O II Concurso Innovatia 8.3 cofinanciado polo Fondo Social Europeo e organizado conxuntamente pola USC e o Instituto da muller, recoñeceu este martes os mellores proxectos empresariais creados co apoio das universidades españolas e liderados por mulleres. No acto de entrega, tomou parte o reitor Antonio López, xunto a Rocío Rodríguez, directora do Instituto da Muller; Soledad Murillo, secretaria de Estado de Igualdade; e Eva Alcón, delegada do presidente de Crue Universidades Españolas.

Do mesmo xeito que na I Edición, esta convocatoria, á que concorreron corenta e tres candidaturas, contemplou dúas modalidades de premios: a de proxecto empresarial de Base Tecnolóxica, dotada con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector; e a de proxecto empresarial Startup, premiada con 7.000 euros e, igualmente, asesoramento personalizado durante tres meses por unha profesional referente no sector.

BOUNSEL S.L., plataforma intelixente de xestión integral de contratos da Universidade Politécnica de Valencia liderada por Pilar Prados, venceu na categoría Proxecto Empresarial Startup, onde resultaron finalistas RATED POWED S.L. co proxecto pvDesign da Universidade Rey Juan Carlos e Singularity Experts da Universidade Carlos III de Madrid. O obxectivo xeral do proxecto gañador é o deseño e desenvolvemento dunha nova solución de software baseada en intelixencia artificial e analítica de datos para a xestión intelixente e integral de contratos por parte das empresas, ofrecendo funcionalidades que axuden a optimizar e automatizar todas as tarefas asociadas dun proceso que na actualidade realízase de maneira manual.

Pola súa parte, 3D SURGICAL TECHNOLOGIES S.L. da Universidade Miguel Hernández de Elche promovida por Clara Gómez, gañou a modalidade de Proxecto Empresarial de Base Tecnolóxica. 3D Surgical Technologies está especializada no desenvolvemento e fabricación de prótese con posibilidade de personalización para o seu uso en cirurxía, anatómicas, lixeiras e de deseño adaptado a cada necesidade específica. Traballan para mellorar a calidade de vida das mulleres sometidas a cirurxía xinecolóxica, mediante produtos especialmente deseñados para optimizar os resultados das intervencións, evitar complicacións, acurtar a recuperación e aumentar o confort da paciente. Nesta categoría, foron tamén finalistas CARES, FAMILIA, INFANCIA Y ADOLESCENCIA SL da Universidade Miguel Hernández de Elche e DBGen Ocular Genomics da Universidade de Barcelona.

Trala entrega dos premios tivo lugar a presentación de MADRINANET, un innovador formato de apoio ao emprendemento femenino dende o ámbio universitario no que madriñas con dilatada experiencia comparten o seu coñecemento e vivencias coas novas emprendedoras, as afilladas.

Acto seguido, da man da delegada do presidente de CRUE Universidades Españolas, realizouse un recoñecemento ás universidades adheridas a Innovatia 8.3, facendo entrega ás mesmas dunha placa conmemorativa.

O evento finalizou coa celebración do “Encontro de Financiación entre emprendedoras e inversoras” no que doce empresarias tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos empresariais ante inversoras.

 

Entidades colaboradoras