Language

Que necesitas para emprender?

Necesitas unha idea e ganas de levala a cabo. Seguindo a metodoloxía INNOVATIA 8.3 podemos axudarche a converter a túa idea en empresa

Feira de Outono das Emprendedoras de Lugo

Feira de Outono das Emprendedoras de Lugo

O venres 28 de outubro celebramos no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela a I edición da Feira de Outono das Emprendedoras de Lugo, que nesta primeira edición está adicada ás emprendedoras no rural.

O pasado 15 de outubro foi o Día Internacional das mulleres rurais, este ano 2022 a temática é "As mulleres rurais enfróntanse ao incremento mundial do custo da vida". Con esta feira queremos visibilizar as demandas das mulleres rurais, potenciar a súa labor como subministradoras de alimentos e servizos precisos para a vida, e tamén queremos reivindicar que nas zonas rurais as mulleres podan contar coas mesmas oportunidades que os homes.

As diferentes mesas e obradoiros que se celebrarán nesta feira reforzarán a labor da Universidade de Santiago á hora de promover o emprendemento e a consolidación de empresas das mulleres que viven non medio rural, impulsando a innovación e promovendo a competitividade dos seus proxectos empresariais.

Sabemos que a maioría dos concellos de Galicia se encontran no mundo rural e a celebración desta feira, adicada ás Mulleres Rurais, é o mellor momento para dar máis visibilidade a aquelas que amosan no seu día a día que emprendemento e vida nas aldeas non son incompatibles, e que a maioría das veces este emprendemento parte dun coñecemento e tecnoloxía adquirido nas universidades.

As mulleres xogan un papel imprescindible no desenvolvemento sostible das zonas rurais e soportan unha gran responsabilidade no mantemento das sociedades. Obviamente, os cambios estruturais no modo de vida que aparecen no S. XX fixeron que o seu papel cambie. Isto provocou en moitos casos a migración masiva cara a zonas urbanas en busca de melloras laborais.

En xeral, as mulleres con formación abandonaron moito máis a vida rural que os homes. De feito, chegou a acuñarse o termo fuxida ilustrada para referirse a mulleres novas con formación superior que abandonaban o medio rural en busca de mellores oportunidades laborais.

O venres 28 reunimos a emprendedoras, asociacións e organizacións de mulleres rurais que amosarán a necesidade de apoiar o emprendemento, para loitar por conseguir mellores condicións, axudas e incentivos.

Nesta primeira feira, queremos amosar como o emprendemento no rural é necesario e compatible co coñecemento universitario, é innovador e transformador, e que o lideren as mulleres faino máis sostible e transformador para unha mellor vida, poñendo ás persoas e os recursos naturais no centro da vida.

Entidades colaboradoras